A NOSA HISTORIA

A orixe da peña é internet, cando no ano 1996 empezou “infovía” e a posibilidade de poder conectarse a internet desde casa, formouse un grupo de celtistas ao redor dunha “mailing-list” que se chamaba “A lista do Celta” onde mantiñamos contacto diario para comentar todo o que sucedese ao redor do Celta. A maioría non nos coñeciamos persoalmente, pero iso foi cambiando aos poucos, porque, aínda que había xente de todo o mundo, moitos eramos abonados do Celta e acabamos quedando antes dos partidos. Logo veu o foro en “delcelta.com” que se converteu nos anos posteriores no principal punto de encontro do celtismo na internet. Logo chegaron as redes sociais. Na actualidade este contacto diario entre nos, faise, sobre todo, a través do whatsapp.

Fotos das primeras quedadas:

Chegou un momento no que nos demos conta das vantaxes que supoñía ser un “grupo oficial organizado”, como podía ser a posibilidade de acceder máis facilmente ás entradas para acudir aos partidos de fóra ou ter contacto co club para poder transmitirlles as nosas inquietudes, foi por iso polo que en 2003 decidimos oficializar o grupo como peña, dándoo de alta no rexistro de asociacións da Xunta e na Federación de peñas celtistas. Para o nome como xa utilizabamos o de “os siareiros celestes na rede” decidimos poñerlle oficialmente “siareiros.net” que nos parecía que englobaba esa frase e tamén rexistramos o dominio. O noso logo actual é obra do ilustrador, Pablo Rosendo.

Cando empezamos de forma non oficial poderíamos ser preto de 100 celtistas conectados a internet e agora mesmo superamos os 350 abonados do Celta e en total somos ao redor de 450 peñistas.

A nosa principal iniciativa é estar en contacto por internet e dar servizo aos nosos peñistas para que estean puntualmente informados de todo o que lle poida resultar interesante ao redor do que é o Celta, para iso, á parte das redes sociais, temos unha mailing-list e sobre todo un grupo de whatsapp “informativo” para estar decatado de todo.

Comments are closed.
siareiros.net